Friday 29 de March de 2024

O Concello de Frades convoca un concurso de fotografía de paisaxes do municipio


Coas 12 fotografías premiadas elaborarase o calendario municipal 2022

O Concello de Frades convoca un concurso de fotografía, que servirá de base para a elaboración do calendario municipal 2022. Un certame dirixido a todas aquelas persoas que o desexen, se ben as persoas menores de 16 anos deberán contar cunha autorización asinado polo pai, nai ou titor/a.

O concurso desenvolverase entre hoxe luns 11 de outubro e o vindeiro 25 de novembro, data límite para enviar fotografías. A temática das imaxes será paisaxes de Frades e cada persoa participante poderá achegar un máximo de 3 fotos. As imaxes deberán ser inéditas, en cor ou B/N, e deberán presentarse en formato horizontal (sen marcos, bordes, marcas de auga nin sinaturas), cun tamaño máximo de 5 megas e unha resolución mínima de 300 píxeles por polgada.

A temática será sobre paisaxes do concello de Frades, podendo incluír persoas pero sempre en segundo plano e contando co seu permiso. Non se permitirá a manipulación nin a alteración dixital das fotografías. As imaxes deberán enviarse antes do 25 de novembro ao correo electrónico: biblioteca.municipal@frades.gal, poñendo no asunto “Concurso de fotografía – Concello de Frades” e os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo e teléfono.

Haberá 12 fotografías gañadoras, que recibirán 50 euros de premio. Os dereitos das mesmas pasarán a ser propiedade do Concello de Frades, que as editará no calendario municipal de 2022. As fotografías non gañadoras tamén serán expostas nas páxinas finais do calendario.